martes, 28 de abril de 2009

Marketing: Hummer contra Prius.

Todos coñecemos os dous modelos de coches dos que se fala eiquí. Un de eles, o Hummer, considerámolo como unha inmensa mole contaminante, mentres que o outro é o primeiro exemplo de coche moderno, limpo ou "verde".



Recentemente a publicación "The Recorder" sacou á luz un artigo que ven a rachar con esta imaxe que todos tíñamos na cabeza. Considerando para unha mesma vida útil, o autor sostén que o gasto medio dun Hummer é de 1,95 $ por milla, mentres que no caso do Toyota Prius ascende a 3,25$. Isto é debido a que, ademáis de considerar o gasto enerxético do vehículo rodando na estrada, tamén se estudou a contaminación derivada do seu proceso productivo, do mantemento de determinadas pezas ou emisións.



O principal motivo de que o Prius lidere esta loita está nos compoñentes das súas baterías. O níquel que as compoñen se obtén dunha planta de extracción canadiense situada en Ontario. As zonas do redor son usados pola NASA como zona morta onde fan probas experimentais cos seus robots, xa que a choiva ácida é os contaminantes vertidos pola planta acaban con todo rastro de vida, animal ou vexetal, en kilómetros a redonda. Unha vez extraído, o níquel envíase a Europa onde é refinado. Finalmente trasládase a Xapón para montar as baterías, facendo unha escala previa na China onde sofre un último tratamento.

Con todo isto xa podemos deducir que a contaminación deste modelo é moito máis elevada da cifra oficial, e moito máis se temos en conta que económicamente só resulta rentable nos seus primeiros anos de vida, nos que o precio do combustible é superior ó encarecemento deste modelo.













domingo, 12 de abril de 2009

Sogama: claramente ineficaz.

Xa son moitos os exemplos que na actualidade temos dos impactos ambientais que conlevan a mala xestión das nosas industrias. Unha mostra evidente, non só da súa mala xestión, senón tamén dos efectos dun incompleto estudio de viabilidade, témolo en Sogama. A mal chamada Sociedade Galega do Medio Ambiente foi concebida básicamente como un sistema de xestión de residuos cunha capacidade de tratamento de 550.000 Tn anuais. Xa dende o seu primeiro ano de actividade resultou ser incapaz de xestionar as cerca de 570.00 Tn anuais de basura que recollían, 20.000 Tn máis da súa capacidade. Na actualidade non só resulta ineficaz para tratar as 900.000 Tn anuais de desfeitos que producen a meirande parte dos concellos galegos (únicamente é capaz de xestionar o 50%), senón que está a ser investigada por un delito de contaminación continuada. No pasado ano 2008 as fugas dos lixiviados do vertedoiro de A Areosa (onde Sogama acumula o que non pode tratar) causaron a morte de preto de 3.000 troitas do río Lengüelle, mentres que a comezos do presente ano foi investigada pola acumulación de residuos farmacéuticos e a presenta falsificación de informes ambientais que demostraban a súa ineficacia.

Tendo en conta a total impunidade coa que actúa esta Sociedade, compre reflexionar sobre a necesidade dunha entidade privada que xestione os nosos residuos sen que a sombra da política agache as súas neglixencias e sen que éstas sexan usadas como ferramentas electorais para rabuñar unhas ducias de votos.